Monday 29 de April de 2024

Fene asina os convenios de colaboración coas entidades municipais que realizan actividades de promoción económica


Os convenios co CRD Agarimo, a Confraría Santiago Apóstolo de Barallobre e a Asociación de Comercio, Hostalería e e Servizos “O Cruceiro” suman 20.800 €.

O Concello de Fene asinou anteriormente os convenios de colaboración coas sociedades culturais e deportivas, así como as organizacións dos festivais Felipop e Fenerock.

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, e a concelleira de promoción económica, María de los Ángeles Coira, participaron esta mañá xunto cos representantes do CRD Agarimo, Luis Ángel Fraga; a Confraría Santiago Apóstol de Barallobre, Jorge López; e a Asociación de Comercio, Hostalería e Servizos de Fene “O Cruceiro”, Ana Basoa, na sinatura dos convenios de Subvencións Nominativas do 2023 destinadas ás entidades que desenvolven actividades de promoción económica.

Os tres convenios rubricados esta mañá ascenden a un total de 20.800 €, repartidos do seguinte xeito: 2.800 € ao CRD Agarimo pola organización do Encontro de “As Lavandeiras de Sillobre” (1.200 € máis ca o ano anterior); 8.000 € para o desenvolvemento de actividades durante este 2023 da Confraría Santiago Apóstol de Barallobre; e 10.000 € para a Asociación de Comercio, Hostalería e Servizos de Fene “O Cruceiro”, destinados ao programa “Merca en Fene.

“Coa sinatura destes tres convenios reafirmamos o compromiso do goberno municipal de apostar por proxectos que teñen un interese especial para Fene, apoiando o desenvolvemento de actividades que xeran un retorno económico e contribúen á creación e fomento do emprego” destacou o rexedor fenés, Juventino Trigo.

Convenios coas entidades culturais e deportivas

Con anterioridade á sinatura que tivo lugar hoxe, o Concello de Fene asinou con representantes de varias sociedades culturais e deportivas os convenios de Subvencións Nominativas para o 2023, que ascenden a 50.000 €, dos cales 38.500 € corresponden ás entidades de carácter cultural, 6.500 € ás ANPAs e 5.000 € para as entidades deportivas.

O Concello de Fene tamén ten asinados convenios coas sociedades Felicia Asociación Cultural e AC Centolos, para o desenvolvemento dos festivais Felipop e Fenerock, por un importe de 11.000 € cada un.